Thursday 25 de April de 2024

A Xunta amplía ata os 3,3 millóns de euros o orzamento para as axudas ao alugueiro xeral en 2021


— A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda incrementa en máis dun millón de euros a dotación destas subvencións do plan de vivenda

— Estes incentivos súmanse ás axudas para o alugueiro a persoas en situación de vulnerabilidade como consecuencia da covid-19 e os bonos de alugueiro social

— A Xunta mobiliza este ano case 12,5 millóns de euros en base a estes programas para facilitar unha vivenda en alugueiro aos galegos

A Xunta de Galicia incrementa en 1.055.000 euros a dotación da convocatoria de axudas ao alugueiro do plan de vivenda publicada o pasado 30 de marzo, tal e como recolle a Resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia.

A convocatoria incluía unha dotación orzamentaria inicial de 2.272.000 euros. Dado o volume de solicitudes presentado, agora incrementase dita dotación con 1.055.000 euros, polo que se concederán axudas por importe de 3.327.000 euros.

Cómpre indicar que a ampliación dos fondos non significa que se vaia abrir un novo prazo de presentación de solicitudes, senón que se incrementa para atender o maior número de peticións presentadas e que cumpran os requisitos. Durante o período de presentación de axudas, máis de 6.000 persoas entregaron as súas solicitudes, que se resolverán antes de finais de ano.

Ademais das axudas ao alugueiro xerais do plan de vivenda, a Xunta tamén realizou este ano unha convocatoria de axudas para o pago do alugueiro por parte de persoas en situación de vulnerabilidade como consecuencia da covid-19, cun orzamento de 2 millóns de euros.

Por outra parte, a Xunta tamén facilita o acceso á vivenda en alugueiro a través do Bono de alugueiro social e o Bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero, que en 2021 dispoñen dunha dotación total de máis de 7,1 millóns de euros.

Así, en base a estes tres programas a Xunta mobiliza case de 12,5 millóns de euros para facilitar un fogar en réxime de alugueiro aos galegos.